Nova de Tensi Xesteira en Nós Diario
A Fundación Cultural Galega Xistral crea unha plataforma co obxectivo de espallar a lectura e os libros en galego e xerar un diálogo arredor deles. Fronte aos que din que ler é un acto solitario, cada vez xorden máis ferramentas que pretenden tecer unha comunidade. Esta é a das obras en lingua galega.
“Somos unha terra de historias e de grandes contadores de historias”, di Manuel Rivas. “Do mesmo xeito que os grandes camiños están feitos por camiños máis pequenos, as grandes historias están compostas de historias máis pequenas”, explica Touriñan. “Só oito de cada 100 libros que se venden nas librarías están en galego. Esta, xusto esta, é a única historia que queremos deixar de contar”, defende Elena Ferro. “Temos moito por ler porque temos moito por contar”, asevera Sara Faro. “Agora tes ante ti a posibilidade de axudar a que outras persoas soñen con novos mundos mentres descobren a inmensidade das nosas letras”, emociónase Ledicia Costas. “Ti tes a posibilidade de contar, de escoitar e de consumir literatura en galego. Ese é o teu poder transformador”, resume Andrea Maceiras.
O pasado ano, xusto por estas datas, a Fundación Cultural Galega Xistral presentaba un vídeo no que aparecían personalidades de varios eidos baixo o lema ‘M8porler’ e que era toda unha declaración de intencións sobre a necesidade de espallar a literatura galega. Un ano despois nace M8porler, unha ferramenta que constrúe un diálogo arredor dos libros en lingua galega e co resto de axentes, caso das persoas lectoras, autoras e editoras.
O xerme da ferramenta
Carlos Blanco e Xaime Acuña, responsábeis da ferramenta, poñen o inicio do proceso de creación da ferramenta nun simposio do libro galego no que eles participaron e no que se falou moito dese 8%, que é a porcentaxe dos libros galegos que se venden nas librarías galegas. A eles pareceulles que os que estaban alí podían e tiñan que facer algo “porque se agardamos polas institucións seguiriamos coma até o de agora”, explican a Nós Diario. “Entón fixemos de primeiras un pequeno vídeo, que foi na campaña de Nadal do ano pasado e que pretendía impulsar a venda do libro en galego”, contan. Para crealo decidiron desmarcalo do mundo literario e contar con xente doutros sectores para chegar a novos públicos. O vídeo foi un éxito tanto en visitas e visualizacións como en participación, que foron todas voluntarias. Aí déronse conta de que había que dar un pasiño máis, polo que rexistraron a marca m8porler coa intención de crear esta plataforma. No vídeo aparecen representantes do deporte, a artesanía, o mundo do libro, ou a música galega, sobre todo desta última. “Levamos unha década de esplendor da nosa música cando todo se situaba en contra e grazas a fenómenos como Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, De Ninghures, que deron un salto de calidade, que se escoitan en todo o mundo e que non renunciaron nin á lingua nin aos sons propios. Ese é o exemplo que queremos seguir no libro galego”, lembran Blanco e Acuña.
A plataforma m8porler
M8porler saíu á luz hai pouco menos de un mes e a presentación en sociedade foi na Culturgal, aínda que o traballo vén de bastante atrás. “A creación da web comezámola en febreiro coas conversas coa equipa informática até que en setembro tivemos a primeira versión e estivemos con probas e preparando todos os contidos”, explican. Actualmente na aplicación teñen volcados todos os libros publicados na nosa lingua oficialmente rexistrados, entre os que se atopan os publicados por Sermos Galiza S.A., a editora deste xornal. Os responsábeis recoñecen que “aínda faltan cuestións por puír xa que, por exemplo, os libros institucionais non están completamente rexistrados, e hai editoras que pecharon e temos que ir a través de catálogo, polo que é un traballo que non remata nunca, cun proceso de enriquecemento continuo da páxina”, explican.
Tecer comunidade
O proceso para entrar é moi sinxelo. As persoas que o desexen poden facelo a través dun perfil de Google ou creando unha conta. Unha vez rexistrada existen opcións de consulta e de participación na comunidade, polo que se poden crear listas propias e dos libros que estás a ler, vas ler ou xa liches, e valorar as lecturas, así como consultar as dos demais. Cando a web teña suficiente tráfico, a idea é que se fagan recomendacións en función dos gustos e da xente que ten afinidades parecidas. O obxectivo é promover novas lecturas, ampliar horizontes e xerar unha comunidade de lectoras en galego.
Segundo contan Blanco e Acuña, “na Culturgal houbo boa acollida e mesmo xente que se rexistrou alí in situ, sobre todo o primeiro día co profesorado dos centros educativos que viron a ferramenta con potencial no ensino”. Precisamente, para continuar ampliando o debate, desde a organización avanzan que participarán no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cunha presentación na que se convidará todos os elementos da comunidade do libro, caso de autoras, editoras e instagrammers. A idea é que “a comunidade que aspiramos a crear na web dialogue en persoa, e facer un encontro de todos os públicos”, resumen. Así mesmo, tamén comezarán coa creación dun espazo de clubs de lectura para, unha vez que o teñan configurado, xogar coa interrelación dos escritores e escritoras da plataforma cos clubs que estean lendo os seus.
As campañas sobre o libro galego de Xistral
A Fundación Xistral leva tres anos promovendo campañas para espallar o libro galego. Así, nas Letras Galegas de 2024 presentaron a publicación Mulleres de sempre, no que se recolle unha reflexión sobre as seis mulleres ás que se lles dedicou esta efeméride. E polo Día de Rosalía deste ano sacaron Celebremos Rosalía. Unha pequena escolma da súa obra, que contou co apoio da Casa Rosalía e doutras institucións. Ambas as publicacións tiveron unha tirada de 20.000 exemplares que se agasallaron dende as librarías de toda Galiza ás persoas que compraron alomenos un libro na nosa lingua. Aínda que os esforzos están postos na ferramenta, recoñecen que teñen outros proxectos, como é a creación dun vídeopodcast de carácter mensual que peche o libro do ano galego: especial Rosalía, Letras Galegas, alternar temas segundo xéneros etc.
Actualmente, dende a Fundación están a mandar ás librarías puntos de libro con códigos QR para que os clientes coñezan a plataforma. “A nós gustariamos que as librarías foran un lugar no que apostaran pola plataforma, para xerar comunidade, como un valor engadido, e tamén a consideramos ideal para consultas ou ver tendencias do que se está movendo e pretendemos que sexa dinamizadora”, remarcan