Contará, entre o 8 e o 11 de abril, cun espazo propio dentro do stand da Federación de
Gremios de Editores de España. Nel dará apoio ás empresas galegas presentes: Alvarellos
Editora, Kalandraka, Galaxia, Triqueta Verde, Patas de Peixe, Creotz Ediciones, Xerais, Bululú
e Edicións do Cumio
A AGE conta co apoio anual de CEDRO para participar neste evento, e este ano súmase a nova
Fundación Xistral.
A Asociación Galega de Editoras (AGE) regresa, do 8 ao 11 de abril, á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (BBF), onde contará cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España. A BBF, de carácter exclusivamente profesional, está considerada como a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de literatura infantil e xuvenil. Este ano celebra a súa edición nº 61.
A Feira amplía de novo a súa oferta principal a través do programa de conferencias, exposicións
e formación para o sector editorial en xeral: BolognaBookPlus ofrecerá un escenario global para
debater os temas de máis actualidade para o sector, que se acadaron aínda máis relevancia
debido á pandemia.
Alvarellos Editora, Kalandraka, Galaxia, Triqueta Verde, Patas de Peixe, Creotz Ediciones,
Xerais, Bululú e Edicións do Cumio, son as empresas asociadas á AGE que participarán, –
presencialmente- no espazo colectivo da Asociación Galega de Editoras ata o 11 de abril.
Kalandraka Editora contará con stand propio ademais de participar no específico da AGE.
As editoriais desprazadas do gremio galego manterán xuntanzas de traballo con representantes
do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da Feira, ademais
de realizar presentacións de libros, no propio stand e nas librarías da cidade de Boloña, como é
o caso de Kalandraka Editora.
Desde o espazo da Asociación Galega de Editoras na BBF, daranse a coñecer as novidades das
editoras galegas desprazadas. Difundirase un catálogo de dereitos cunha selección de setenta
títulos baixo o lema Galician books. Bologna 2024.
A presenza da AGE en Boloña conta coa colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos
Reprográficos) e, este ano, tamén co apoio da nova Fundación Xistral.
Fina Casalderrey, candidata ao Astrid Lindgren Memorial Award 2024
O espazo da Asociación Galega de Editoras acollerá nun lugar destacado unha selección de
títulos de Fina Casalderrey, a autora galega de LIX candidata ao Astrid Lindgren Memorial
Award 2024.
A OEPLI, como Sección Española do IBBY, presentara a candidatura de Fina Casalderrey (a
proposta de GALIX, sección galega da OEPLI) ao Astrid Lindgren Memorial Award 2024, premio
de literatura infantil e xuvenil establecido polo goberno sueco e que se outorga anualmente a
unha ou varias persoas receptoras: escritoras, ilustradoras, narradoras, ou persoas e proxectos
ou organizacións que veñan facendo valiosas achegas ao fomento da lectura. O obxectivo do
premio é potenciar o interese na literatura infantil e xuvenil no mundo, e fomentar os dereitos
da infancia. Cunha dotación económica de cinco millóns de coroas suecas, é o maior premio do
mundo para a literatura infantil e xuvenil.
Un total de 245 candidatas/os de 68 países están nomeadas/os para este premio na edición de 2024. As propostas foron presentadas por organizacións de todo o mundo. A listaxe de candidaturas pode consultarse na web https://alma.se/en/. A persoa gañadora anunciarase durante a Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.
A BBF, referente do mundo editorial en LIX
A Feira Internacional do libro de Boloña consolidouse como referente do mundo editorial infantil
e xuvenil. Cada primavera, editoriais, autoría, ilustradoras/es, axentes, empresas de produción
de cine e televisión, de distribución, imprentas e librarías acoden á cidade italiana para comprar
e vender dereitos, establecer novos contactos ou consolidar relacións profesionais, explorar e
desenvolver novas oportunidades de negocio e observar as últimas tendencias en LIX.