Fonte: Consello da Cultura Galega.
Aínda que en liñas xerais a situación é positiva, no emprego, na exportación e no consumo cultural hai indicadores que amosan unha moderación. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web do Consello da Cultura Galega.
O emprego no sector cultural mellorou (600 persoas máis no terceiro trimestre de 2023 que no mesmo trimestre de 2022) e sitúase na cifra máis elevada dos últimos anos, máis alta que na crise sanitaria. Medraron tamén as afiliacións á Seguridade Social (o 0,8 %), aínda que o fixeron por debaixo do emprego total do país, que se sitúa no 3,0 %.
O emprego neste sector segue a estar principalmente, segundo explican os resultados deste informe, nas mans de autónomos (o 44,5 % fronte ao 19,2 % do conxunto total de actividades). Ademais, o informe conclúe que “o descenso da cifra de afiliacións do réxime xeral, que é no que se atopan a maioría de persoas empregadas, así como a evolución da provincia da Coruña, que é a que concentra a maior parte da industria cultural, poderían indicar certa debilidade”.
No emprego non hai homoxeneidade. Houbo máis emprego en deseño, en artes escénicas e en actividades creativas e de espectáculos, fronte ás actividades de produción cinematográfica e de vídeo, bibliotecas e videoxogos, que perderon máis emprego. Mantéñense estables as actividades netamente industriais, como as artes gráficas, e noutras como a edición de xornais, arquitectura etc.
Alén da lóxica estacionalidade na contratación, cun maior aumento nos meses de verán que no inverno, entre as ocupacións culturais máis ofertadas visualízase un descenso na frecuencia, con 740 contratacións menos entre setembro de 2022 e o mesmo mes de 2023, o que podería interpretarse tamén como un síntoma de moderación da actividade profesional da cultura. As ocupacións con maiores descensos son as de técnicos de gravación audiovisual, actores/actrices e artistas creativos e interpretativos non clasificados baixo outras epígrafes. Pola contra, aumenta a contratación de compositores, músicos e cantantes e doutros técnicos e profesionais de apoio de actividades culturais e artísticas. Os indicadores de xénero operan aquí ao revés que nas demandas, dado que destaca a contratación de homes (60,9 %) fronte á de mulleres.
Estes indicadores de moderación chegan tamén das exportacións e da demanda. Con todo, o informe conclúe a necesidade de ver como se concretan estas cifras nos vindeiros meses.
Hai 33 empresas culturais máis que no mesmo mes do ano pasado. Este balance positivo relaciónase coa creación de novas sociedades. Entre novembro de 2022 e outubro de 2023 produciuse un incremento do 28 % na creación de empresas culturais, fronte ao 7 % do total de empresas galegas con respecto ao mesmo período anterior. As actividades con maiores incrementos foron as de creación e as artísticas e de espectáculos, seguidas da publicidade e, en menor medida, da edición e das actividades relacionadas co audiovisual.
Da Administración ás familias: orzamento e gasto
A Conxuntura apunta que medraron os orzamentos das Administracións públicas en todos os niveis. Na Administración local, os orzamentos medraron no último ano un 11,6 %, mentres que na autonómica fixérono nun 8,4 %, incremento que está na liña da evolución dos orzamentos xerais. O gasto tamén se sitúa na serie máis alta. Os municipios da Coruña e de Pontevedra son os que realizan un maior desembolso (máis de 91,5 e 54,7 millóns de euros respectivamente, cunha porcentaxe destinada ao ámbito cultural sobre o total do 7,9 % e o 6,9%), mentres que os ourensáns son os que menos invisten en cultura: 10,4 millóns de euros.
No que respecta ao gasto en cultura das familias, o informe asegura que superou os niveis previos á pandemia pero nunha proporción menor, porque aumenta o gasto noutras partidas do orzamento do fogares. A compra de libros, espectáculos e tamén subscricións de plataformas de televisión concentran o gasto. “Os datos de 2023, baseados nos indicadores de confianza, indican que a poboación galega se amosa optimista con respecto á posibilidade de permitirse seguir consumindo cultura xunto con outras actividades de ocio, aínda que esa expectativa semella que xa non segue crecendo como viña facendo nos últimos trimestres”, conclúe o informe.
Con respecto aos públicos, no último ano analizado medra a asistencia ao teatro (174 356 espectadores fronte aos 125 953 de 2022), danza (16 205 fronte a 13 112), música clásica (147 152 fronte a 88 873), música popular (778 964 fronte a 579 981) e cine (2,5 millóns fronte a 1,8), pero ese incremento está moi lonxe de recuperar as cifras prepandemia e rexístranse diferenzas negativas do 60 % no teatro, de preto do 50 % na danza e na música clásica, do 40 % no cine e do 13 % na música popular.
Outro dato relevante que apunta a Conxuntura é que nun escenario onde o consumo xeral está moi influído pola evolución da inflación, o prezo do ocio e a cultura encareceuse un 4,6 % nos últimos doce meses, case un punto máis que o índice xeral. Tamén indica que os produtos que máis se encareceron foron os libros e a prensa.