CAMPAÑA POLO LIBRO GALEGO

A Casa de Rosalía e a Fundación Xistral agasallarán 20.000 escolmas rosalianas a quen merque libro galego para festexar o Día de Rosalía

Con motivo do Día de Rosalía a Casa-Museo da autora e a Fundación Xistral poñemos en marcha, en colaboración coa Xunta de Galicia, unha campaña de promoción do libro galego e da obra de Rosalía

Celebrarmos Rosalía

Con febreiro chegan as celebracións do Día de Rosalía, que este ano se amplían cunha campaña de promoción do libro galego que agasallará 20.000 escolmas rosalianas entre todas as persoas que merquen un libro en galego. 

Un proxecto en común

Está organizada pola Fundación Rosalía e a Fundación Xistral, que nacemos co obxectivo de promocionar a lingua e a cultura galegas e que iniciamos a nosa actividade ‘festexando’ a autora máis relevante das nosas letras, na compaña de quen protexe e difunde o seu legado.

Polo libro galego

Cada persoa que merque un libro en galego nas librarías galegas do 6 de febreiro ata o 3 de marzo levará como agasallo unha escolma de textos rosalianos titulada ‘Celebrarmos Rosalía’ realizada por Anxo Angueira e editada pola Casa de Rosalía e Xistral.

Apoios e colaboracións

O proxecto foi presentado en rolda de prensa, canda toda a programación do Día de Rosalía. Nela participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o representante da Fundación Xistral, Carlos Blanco, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; e os representantes da Asociación de Gaiteiros, Gustavo Couto e Olimpio Xiráldez.

O obxectivo é triplo: Celebrarmos Rosalía, como di o propio título, promover o libro en galego e fidelizar lectores para mellorar a realidade do libro galego.  Nesta actividade, apoiada pola Xunta de Galicia, colaboran a Federación de Librarías de Galicia, a Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e El Corte Inglés.