CAMPAÑA DE NADAL

Agasalla na túa lingua

Cremos no talento das nosas autoras, no bo facer de toda a cadea de distribución do libro e na capacidade do público para apreciar a calidade do resultado de este traballo. Sabedores destas fortalezas, temos a certeza de que cada libro galego que sexa lido é xérmolo para un novo.

O Nadal é unha oportunidade para que un libro galego entre en cada fogar e dende Xistral queremos aproveitala.

Por que esta campaña?

Somos conscientes de que a realidade do libro galego non é a mellor en canto a cota de mercado e que esta realidade é unha condición moi favorable para entrar nun escenario de resistencia con marcos moi fixos. Esta campaña faise para movelos ou, cando menos, para empurralos máis alá.

A quen vai dirixida?

A todas as mans polas que un libro galego pode pasar dende que o folio deixa de estar en branco ata que chega ata a lectora ou lector final. Isto implica toda a cadea de produción e distribución e tamén a toda a comunidade que acolle o resultado de tantos esforzos con todo o seu cariño.

Unha cadea de valor

Levamos un tempo tecendo unha rede de confianza entre todos os actores que forman parte da cadea de valor da nosa literatura. Esta rede, da que forman parte activa a Federación de librarías, a Asociación de Editoras Galegas e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega ten un potencial que temos moitas ganas de explorar.

Un traballo en común

A campaña de Nadal ‘Agasalla na túa lingua’ é a nosa primeira actividade e temos a sorte de poder facela en colaboración coa Federación Galega de Librarías, coa Asociación Galega de Editoras e coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

É unha ledicia que os actores fundamentais da industria do noso libro traballen xuntos para que novas lecturas sexan recibidas cos brazos abertos pola sociedade galega.

As librarías son principal punto de encontro de persoas que queren contar con persoas que queren ler unha boa historia, por iso centramos nelas como punto principal desta primeira campaña.

Contamos cun distintivo para pegar nunha parte visible das librarías que apostan polo libro galego como parte do seu catálogo, sobres e adhesivos para envolver os libros en galego que vaian converterse en agasallo e puntos de libro para que os lectores e as lectoras sintan o orgullo que lles pertence por fortalecer a súa propia cultura.