UNHA TERRA DE GRANDES HISTORIAS

‘M8 por ler’, para seguir gozando das mellores historias na lingua que compartimos

Trátase dunha nova campaña de promoción do libro galego que xira arredor dun vídeo no que participan Manuel Rivas, Borja Iglesias, Ledicia Costas, Xosé Touriñán, Elena Ferro, Fillas de Cassandra e Andrea Maceiras.

Só un 8%

Temos a mellor literatura do mundo. Os nosos libros, as nosas editoras e as nosas autoras e autores reciben constantes recoñecementos en todos os escenarios.

Algo non funciona se temos escritas historias da mellor das calidades e non hai persoas dispostas a lelas. Só 8 de cada 100 libros que se venden nas librarías están escritos en galego.

Hai futuro

Podemos festexar goles galegos nos mellores estadios, cantar na nosa lingua en todos os escenarios, presumir da nosa artesanía polo mundo adiante e levar o noso audiovisual a todos os fogares e salas de cinema coñecidas e por coñecer.

De verdade pensas que é imposible levar a nosa literatura a cada persoa que desexe gozar dunha boa historia?

Moitas grazas

Temos claro que esta campaña vai de mover marcos, e temos moito que agradecer a Manuel Rivas, Borja Iglesias, Ledicia Costas, Xosé Touriñán, Elena Ferro, Fillas de Cassandra e Andrea Maceiras pola súa colaboración.

As súas participacións son toda unha declaración de amor á nosa literatura e á lingua que nos dota de identidade.

Ti fas posible esta historia

Seguro que lembras a esa persoa que che achegou o teu primeiro libro en galego e seguramente sexas quen de lembrar cal foi. Agora tes ante ti a oportunidade de axudar a que novas persoas soñen con novos mundos mentres descobren a inmensidade das nosas letras.

Cada vez que entras nunha biblioteca ou nunha libraría tes ante ti infinitas posibilidades para que ese 8% sexa unha porcentaxe con data de caducidade. Canto máis subamos ese número, máis e mellores historias imos poder escribir e ler na nosa lingua.

Temos moito por ler, porque temos moito por contar. Cada lectura en galego e semente dunha nova.

 

Do mesmo xeito que os grandes camiños están feitos por camiños máis pequenos, as grandes historias están compostas de historias máis pequenas.

Para que estas existan só precisamos que haxa alguén disposto a contar e alguén disposto a escoitar.

M8porler