A Fundación Cultural Galega Xistral é unha declaración de amor a un xeito de entendermos a vida e un agradecemento a todas as persoas que participaron e participan de xeito consciente na construción da cultura que hoxe nos dota de identidade.
Queremos gozar ao máximo desta herdanza que aceptamos con ledicia e coa responsabilidade de tratala co respecto e co cariño que merece, proporcionando ferramentas para conservala, enriquecela e difundila.
Somos conscientes de que a hexemonía cultural que impón o sistema global engade máis dificultades ao festexo da diversidade e leva as culturas e linguas minorizadas a espazos de resistencia que as impiden ir máis alá. Se ben estes espazos son condición necesaria para poder conservar séculos de historia, non son condición suficiente para mantelas vivas.
Queremos presumir
Levamos séculos enriquecendo a nosa cultura coa de todos os pobos do planeta que nos acollen, nun contaxio totalmente bidireccional. Afirmamos con orgullo que non temos límites e que traballamos con afouteza para que así sexa sempre.
Queremos crear
O galego é moito máis ca unha lingua. O galego é o son da nosa música, as cores da nosa pintura, as formas da nosa escultura, o equilibrio da nosa arquitectura, o peso da nosa tradición e o incalculable valor do noso patrimonio histórico.
Queremos ser
O noso país abrangue todos os espazos onde poidamos crear, consumir e compartir no noso idioma. Existen moitos xeitos de definir unha cultura e tamén existen moitos xeitos de vivila e de compartila.
O de Xistral é un máis. O noso.